Saturday 04 de May de 2024

O Atlantic Pride convoca unha nova edición do Certame de Literatura LGTBI+


O concurso promovido polo Goberno de Inés Rey conta coa colaboración da Rede de Bibliotecas Municipais a través do club de lectura QUEERuña

O Atlantic Pride, organizado e promovido polo Concello, convoca unha nova edición do Certame de Literatura LGTBI+. Coa idea de tecer unha redede cultura e activista, o festival organiza, por terceiro ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, un grupo de lectura que se reúne mensualmente desde o ano 2016 nas bibliotecas da cidade para ler e debater sobre cultura LGTB.

O III Certame de Literatura LGTBI+ que promove o Goberno de Inés Rey pretende visibilizaras diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas aspersoas LGTBI+. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e convinculación á diversidade LGTBI+, e poderán presentarse até o 31 de maio, para optar a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100 euros).

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante o desenvolvemento do festival (do 7 ao 14 de xullo), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival: www.atlanticpride.es/certame-literario.

Poderán participar todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas, non publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluída Internet), non premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos, ou á agarda de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado. Só se admitirá unha obra por persoa. Toda persoa que participe neste certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión enoutros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Publicarase un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña. As integrantes do club QUEERuña que compoñen o xurado non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría. O xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club.

Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBI+ e a orixinalidade da obra.

Atlantic Pride

A Coruña volverá ser a sede do Orgullo do Norte entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e festa ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel está xa confirmada a presenza das estrelas eurovisivas Nebulossa (que actuará o sábado 13 de xullo), Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, e moi pronto desvelaranse novos nomes e actividades.

O Goberno de Inés Rey promove o Festival Atlantic Pride desde o 2019 coa vontade de situar a cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras.

En 2023, o Atlantic Pride logrou acadar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese a través de varios días de concertos e actividades culturais, co fin de atraer o público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.